Continuamos en este blog la serie de entrevistas a personas destacadas de la cultura y del arte, al objeto de dar a conocer un poco más la figura humana y artística de cada una de ellas, iniciada con el pintor ferrolano D. Carlos Barcón Collazo, [que podéis leer pinchando en el enlace de su nombre].
Hoy vamos a poder acercarnos un poco más a la figura del escritor ferrolano Antón Cortizas Amado, a través de la entrevista que, muy amablemente, se ofreció a realizar para nosotros, el también escritor ferrolano Manuel J. Díaz Vázquez.
Como en la entrevista anterior, esta Junta Directiva les pide a ustedes que no sean muy severos con nosotros, ya que no somos periodistas (y no lo pretendemos), solamente nos mueve la ilusión y las ganas de ofrecerles, a través de esta página, información cultural.
Antes de pasar a las preguntas realizadas por Manuel J. Díaz Vázquez vamos a dar un pequeño repaso por la biografía del entrevistado, y lo haremos a partir de ahora en gallego, porque es la lengua en la que siente, se expresa y escribe Antón Cortizas.
Antón Cortizas é mestre e escritor de literatura infantil e xuvenil en lingua galega. Entre os moitos libros que ten publicados foi galardoado con prestixiosos premios e recoñecementos:
Premio O Barco de Vapor 1988 “Memorias dun río”
Premio O Barco de Vapor 1991 “O conto dos sete medos”
Premio O Barco de Vapor 1995 “Os gritos das illas Lobeiras”
Premio Merlín 2001 “A merla de trapo”
Premio de teatro Xeración Nós, 1987, por “O coleccionista de sombras”
Premio de teatro, Xeración Nós, 1990, por “O incríbel invento de Solfis, a pianista”
Finalista Premio Ala Delta, 1992 con “O caso das chaves desaparecidas”
Finalista Premio Espace Enfants, 1996 (Suíza) con “O lapis de Rosalía”.
Accésit Premio de Teatro, Xacobeo 93, modalidade Teatro Profesional por “Romance de Bernal, o francés”.
Finalista Premio de Teatro Xacobeo 93, modalidade Teatro de Monicreques, por “Un dragón no camiño”.
Finalista Premio Arlequín de Teatro (Barcelona 1989) con “Cázame ese pensamento”.
Accésit Lazarillo, 1996, por “Historias e algún percance, todas ditas en romance”.
E ven de acadar recentemente un último premio que lle fixo unha ilusión especial:
“Dende o día 23 de outubro, a biblioteca do CEIP Isaac Peral de Ferrol pasou a ter nome. O nome de alguén moi significativo nun eido educativo e máis na nosa cidade, pois a personalidade que lle da nome é mestre, é escritor e é ferrolán: ANTÓN CORTIZAS.” [palabras extraídas da páxina do CEIP Isaac Peral].
E sen máis, a entrevista realizada por Manuel J. Díaz Vázquez.
Junta Directiva Narart
Cando xurdiu a túa vocación literaria?
Vocación ou non. O que eu sei de certo é que sempre me gustou escribir. Escribo desde moi neno. Xogando en Canido xa facía ripios, contos. Gustaba de ver os monicreques cando viñan pola cidade e despois trataba de reproducir o que eles contaban, escribindo. Igual que me gustou desde sempre fedellar coas mans, cousa que lles debo aos meus pais: a ela, que era costureira; e a el, que era ferreiro. O de escribir non sei de onde me vén. Xa de adolescente, comecei a escribir poemas de amor e de tema social, en plena ditadura. Preocupábame a inxustiza do mundo que me arrodeaba. Pero nunca pensei en escribir en serio.
Logo, xa desenvolvendo o meu oficio de mestre, escribía, timidamente, ás veces para os labores da aula. Mais un día houbo un concurso de teatro para nenos, convocado pola Mancomunidade de Concellos da Ría. Chamábase Xeración Nós. E alá que concorrín. Tiña un contiño escrito de antes e dramaticeino, con moita fortuna xa que me deron o gañei o premio. O libro non saíu publicado ata moito despois, pero a verdade é que foi aí cando pensei que eu podía servir para isto da escrita.
Despois souben do premio O Barco de Vapor. Tiña un mes por diante para argallar unha historia e púxenme a escribir inspirándome no río Eume, tamén con moita fortuna, xa que me deron o meu primeiro premio O Barco de Vapor polo libro “Memorias dun río”.
A partires de aquí pensei que podía seguir. Foi un acicate.
Cales foron os libros que mais te impresionaron, os que puideron marcarte como lector?
Fun, cando novo, un lector de libros de aventuras: Verne, Salgari, Stevenson. Non podería nomear un libro concreto, non.
En poesía si, en poesía marcáronme Hernández, Lorca e logo Neruda.
Cando fun adolescente decateime que o meu idioma era o galego e xa pasei a ler os nosos grandes poetas: Curros, Pondal, Rosalía, Celso Emilio Ferreiro…
Qué pensas destas sagas xuvenís que se levan agora entre a xente nova: Crepúsculo, Harry Potter?
Non me interesan nada e non lin ningún deles. Non sei se isto é bon ou non para min, pero éche o que é.
Ti escribes a propósito para xente nova?
Non, eu escribo o que me apetece, o que me vai saíndo. Non penso no lector porque non penso que escriba para nenos. Claro que hai excepcións, xa que ás veces me encomendan, ou eu mesmo me propoño, cousas para que sexan lidas polos máis pequenos, e daquela si que hai que coidar as expresións, sen que iso queira indicar que a escrita teña que ser de inferior calidade literaria. A xente pequena merece que se escriba con calidade, con rexistros literarios que sexan o máis fermoso que un poida sacar de dentro.
Pensas que é mais agradecido escribir para xoves que para adultos?
Non sei, pero o que si sei é que os nenos e as nenas son o máis lindo da sociedade humana, o máis limpo tamén, e é moi gratificante escribir historias ou poemas que eles poidan ler. Os nenos son moi agradecidos, moi entusiastas. En grande parte debido ao bon facer do profesorado, que desde as aulas traballa arreo para mellorar o nivel cultural da nosa enfermiza sociedade. É verdade que a miña profesión de mestre axúdame á hora de escribir cousas que, se cadra, poidan estar á altura da infancia e da xente nova, á altura do que eles merecen.
Qué pensas da educación de hoxe en día?
Se ben temos condicións máis axeitadas ca nunca, a influenza que temos os educadores sobre a xente nova é máis ben escasa. O que nos intentamos construír, unha sociedade culta, humanista e xusta, outros se empeñan en desmontala día tras día. A sociedade capitalista é moi poderosa e alienante. A infancia, hoxe en día, está ateigada de pantallas, que en moitos casos levan a adopción de valores que non son convenientes para unha sociedade que pretende vivir en paz e xustiza, sen que uns pisen a outros, sen que uns se enriquezan a consta da miseria e a explotación doutros. A escola, pese a todo, intenta, mal que ben, mudar as tornas. E non nos imos render, pese a que, para máis inri, temos á volta unha nova reforma educativa, desta vez dende as mentes máis rancias do neoliberalismo. Por outra banda, antes os cativos –ai, a infancia aquela- cando a escola era o que era, xogabamos libremente nas rúas, ao ar libre, estimulabamos a imaxinación, decidiamos a que, cando, como e con quen xogar, pero agora…
Tes nostalxia?
Non, o pasado xa foi e que nos quiten o bailado, pero paréceme que a infancia de agora é mais triste. Todo é mais dirixido polo mundo do poder e do negocio, nin sequera polos pais, na maior parte dos casos.
Pensas que a infancia é a patria do home?
E mais si. Esa frase díxoa Rilke, non si? Eu diría mais, diría o que engadiu Saint-Exupéry, que a infancia é a patria da Humanidade.
Ademais da túa afección literaria, tés algunha outra?
Enredar coas mans. Facer traballos caseiros: recebar una parede, cousas de madeira, pór un enchufe, facer un brinquedo... Chafulladas... En Pantín teño un pequeno obradoiro e sempre estou a facer algo.
Qué consello lle darías a un escritor novel?
Que escriba para si. Que se sinta satisfeito del mesmo. Que non busque o éxito, senón a calidade. De escribir non se pode vivir. Agás que te poñan nos medios de comunicación e que fagan da túa obra un obxecto comercial, é difícil vivir de escribir. Salvo que sexas articulista ou tertuliano, e che paguen por iso, é difícil acadar a recompensa material que supón todo o esforzo que hai detrás dun libro. Xa que logo, o importante é que se escriba dende un mesmo e para un mesmo, enchendo as páxinas diso que ninguén pode contar como cada un o conta. Se consegues que se saiba que tal libro foi feito por un, que lle conseguiches pór una identidade propia como escritor, coido que é o mellor que un pode acadar.
Cómo ves a literatura galega na actualidade?
Paréceme boísima e heroica. Somos cerca de tres millóns de galegos. Mais da metade non len nada ou moi pouquiño. Desoutra metade, uns poucos –moi poucos- len en galego. Cun escaso número de lectores hai una morea de bos escritores galegos. Agora os momentos non son os mellores para o mundo da cultura, e todo vai como vai, pero a calidade do que se escribe non mingua. Escribir en galego é facer algo dende nós, algo que ninguén pode facer por nós. A nosa lingua precisa de nós, pero aínda máis: a cultura universal precisa da nosa lingua. Por iso escribimos en galego, por dignidade, porque o noso país ten lingua e cultura propias que, tristemente, a nosa xente se empeña en afastar, en esquecer, en deixar que esvaeza. Alguén pode ver lóxico que prefiramos unha hamburguesa a un petisco de lacón con grelos? Alguén pode dicir que é mellor unha baguete ca unha barra de pan do país? Se impulsamos o noso, aquí viviremos mellor todos, se preferimos o alleo... O mesmo se pode aplicar á literatura.
Pensas que a literatura pode cambiar o mundo?
Non, non pode. O mundo non, pero as persoas si, ou pode axudar a que as persoas lectoras reflexionen e se fagan máis críticos. Hai autores que son digamos, persoas de pouco valor ético, ou intolerantes, ou fachendosas por enriba de todo, e venden moito. Eu non podo lelo todo, pero si podo escoller a quen ler. E podo escoller ler a obra de alguén que ademais de ser bo escritor é ou foi boa persoa.
Un libro dos que liches que che gustaría ter escrito?
Non teño ningún, a verdade, por máis que lin libros que me emocionaron até as bagoas e o riso (e agradezo ás persoas que os escribiron). Mais o que escribiron outros é deles. Se eu algo fago ben, ten que saír de min mesmo, coa autenticidade que sexa capaz de dar ás palabras. Sei que nunca atinxirei a calidade que me gustaría, mais non importa. Cada quen é quen é.
Cal o cales son os libros dos que te sentes mais orgulloso?
O que está sen facer. Ben, de entre todos os libros que escribín hai algúns que os escribín por motivos íntimos e persoais, que están centrados no meu arredor. E, obviamente eses son importantes.
Teño tres fillas, pois escribín un libro para cada unha delas: “O conto dos sete medos”, o escribín porque mo pediu a miña filla maior, “O lapis de Rosalía”, e “A bruxa sin curuxa” para as outras. Tamén escribín un libro para os meus pais. Son os libros máis sentidos. Agora ben, coido que toda a obra dunha persoa merece o respecto, mesmo aquilo que se pode considerar de “menor calidade”, porque as cousas que facemos regular son a aprendizaxe imprescindíbel para lograr aquilo que facemos ben.
Qué cousas che fan rir?
Moitas, os xogos de palabras, o humor intelixente. Non me río nunca das desgrazas dos demais. Contra as dificultades nada máis san e beneficioso como ter sentido do humor. Humor que non falte.
Qué personaxes da historia destacarías?
A xente pacífica e altruísta: Luther King, Gandhi, Patarroyo... Gústanme toda a xente que ten ideas de cambiar o mundo para ben, non os que se aproveitan del.
Gustaríache ser académico da lingua?
Non, non, que medo! Eu non son lingüista, nin académico. Sería un traxe que me quedaría moi grande.
Dóenche as críticas ou depende de quen veñan?
Home, se todo fose malo no que escribo, diría que teño que dedicarme a outra cousa que me gusta. O 99% das críticas dos rapaces son lindísimas pero tamén recibín algunha negativa. Ninguén pode gustar a todo o mundo.
Teño varias cartas de correo, das de antes, agradecéndome determinado libro. Iso non ten prezo.
Fai pouco descubrín na rede unha crítica dun libro meu, dunha muller de Suramérica e dicía “este libro nunca lo retiraré de mis estanterías”. Saber que chegas a tanta xente, e tan lonxe… Gusta, un tamén ten a súa vaidade.
Gústanche as novas tecnoloxías?
Gústanme, alén de que o computador é unha excelente ferramenta para un escritor, a rede, a internet é un gran aliado do escritor, un bo medio de obter e contrastar información e tamén unha excelente axuda para publicar e dar a coñecer a obra escrita para quen non ten outro medio de facelo, que editar un libro non é doado.
Pensas que o libro en papel desaparecerá?
Ogallá que non. Pero mira, os papiros desapareceron. A verdade é que non o sei.
Supoño que libro de celulosa e libro electrónico convivirán. Non son incompatíbeis.
Qué música che gusta?
Como nas letras, a música que emociona: clásica, folk, a música “con letra”… Xosé Afonso, Paco Ibáñez, Olga Manzano e Manuel Picón cantando os versos de Neruda…
E de comida, que prefires?
Gústame a comida tradicional galega: o caldo, o porco, o polbo… A froita, como case de todo, aínda que non son un omnívoro perfecto.
Practicas deporte? Gústache viaxar?
Practiquei sendeirismo, fixen andainas, logo deixeino pero gústame andar. Viaxar non é que debeza por viaxar. Poucos días está ben, que viaxar resulta cansado. Cando viaxas dís: “vou coñecer mundo” e non se coñece nada porque se pasa por todo moi rápido.
Algún lugar de Galicia, un recuncho?
Home, Pantín. Aínda que eu son da idea de que cada paisaxe ten o seu encanto. E por non ser chauvinista, vénme á mente un solpor en Urueña, o sol poñéndose nun mar de trigo... Espectacular, mais non máis cós solpores no noso mar. A nosa paisaxe non desmerece a ningunha outra. As rías altas galegas son asombrosas.Temos tanta beleza paisaxística ao noso arredor que non a valoramos e mesmo nos empeñamos en estragala. Ogallá non sexamos capaces de estragar a nosa Natureza como estamos facendo coa nosa lingua e cultura.
Proxectos en mente?
O próximo ano, no primeiro trimestre, espero que se publique, en Xerais, un libro de divulgación que leva por título “Tastarabás. Catálogo do brinquedo tradicional e uso lúdico da Natureza”. Levo traballando nel oito anos. Incluirá dúas mil e pico de fotos e uns mil brinquedos descritos. É, por tanto, un labor acabado. Agardo ter ganas de escribir máis cousas en breve, desempoar ideas que dormen nas gabetas do meu gabinete ou argallar outras novas.
Veste escribindo un novelón deses grandes?
Non. Eu gusto moito de escribir poesía, teatro, relato breve e novela curta. E non é doado porque, por exemplo, un libro de 10 relatos, ten dez inicios, dez tramas, dez finais… Bon, na literatura hai estilos e xéneros, non? Prefiro a novela breve, a de mil páxinas, como que non.
Que che parece a nosa asociación?
O asociacionismo paréceme estupendo. Ferrolterra é lugar de moitas asociacións. A inquedanza cultural, manifestada nun prolífico asociacionismo, é algo positivo. Ás veces bótase en falta unha maior participacións nos actos culturais, pero iso non debe impedir seguirmos no labor. Graíño a graíño, a galiña fai papiño, non? Así que, ánimo e avante!
Un final para rematar a entrevista?
Graciñas polo voso interese. Agardo non ter sido pesado nin aburrido.
Manuel J. Díaz Vázquez
Izquierda: José Ignacio Dapena Fernández
Centro: Antón Cortinas Amado
Derecha: Manuel J. Díaz Vázquez
Lugar: El Cafeto – Ferrol
1 comentario:
Enhorabuena a todos. De verdad os admiro por todo el esfuerzo que le estáis dedicando a esta asociación y a este proyecto .
Publicar un comentario